11 de novembro, Día das Librarías

Despois de dez edicións, o 11 de novembro celébrase o Día das Librarías, promovido por CEGAL e a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte. En Galicia está incluída no Calendario do Libro e a Lectura e conta co apoio da Federación de Librarías de Galicia.

Este é un bo ano para apoiar, unha vez máis, as librarías de proximidade, espazos que van máis alá da venda de libros, transformándose en motores culturais da comunidade. Librarías con profesionais que entenden a literatura como algo non supeditado ás modas. Libreiros e libreiras que consiguen o imposible, que nos axudan a conformar unha colección rigorosa nas nosas bibliotecas. Librarías que son espazos de acubillo para o alumnado e familias, con múltiples actividades compartidas.